Sobremesas amorosas... sobremesas saborosas
Para nós os aniversarios dos compañeiros e compañeiras do Servizo de Atención Diúrna Terapéutica non son un día ao ano, é un mes enteiro!
Cada día polas mañás, na actividade de Orientación, recordamos os aniversarios das/os compañeiros/as que cumpren ese mes. Para as/os "cumpreañeiras/os" supón unha sensación de felicidade. Materialízase nunha sobremesa especial á que nos convidan o último venres do mes despois de xantar. Pero non vos vaiades pensar que isto é tarefa sinxela, noooon. Hai moito traballo detrás e tamén, moita moita ilusión.
As/os "cumpreañeiras/os" e outras persoas fixas que participan na actividade de cociña, xúntanse os venres pola mañá e comezan todo un proceso.
Pensan a receita e os produtos necesarios así como as cantidades precisas, o custe dos mesmos e a forma de preparala. Unha vez está todo planificado vaise facer realidade o derradeiro venres do mes.
Todas as persoas que cumpren anos aportan unha cantidade simbólica para poder mercar os ingredientes cando se acude á actividade de Compra.
Algo moi importante é que estas receitas sempre teñen que ser sas e hai que poder adaptalas ás persoas con disfaxia para que todas, sen excepcións, poidamos desfrutar das amorosas sobremesas.
Para a súa realización utilizamos tamén apoios técnicos como cubertos adaptados e outras técnicas e estratexias co fin de que todos/as poidamos participar. Convertímonos en verdadeiros/as reposteiros/as!
O resultado sempre é saudábel e riquísimo!
Pero... o máis rico riquísimo é o aplauso e o recoñecemento aos "cumpreañeiras/os" que ademais de regalarnos esta sobremesa, tamén reciben un agasallo por parte do resto das compañeiras e compañeiros. Este agasallo realízase na actividade de Expresión Artística.
Queredes ver a última sobremesa que fixemos? Chamámolo “Xaneiro Larpeiro”.
![]() |
Este é o Xaneiro Larpeiro. Ummm. |
Comentade o que queirades e suxeride preparacións amorosas e sabrosas que estaremos encantados/as de poder realizalos.
Ata a próxima.
Comentarios
Publicar un comentario