A INCOMPRENSIÓN DAS SECUELAS INVISIBLES
Ola a tod@s!
Neste nova entrada queriamos chamar a atención sobre a existencia das secuelas invisibles e a repercusión que teñen no día a día das persoas con Dano Cerebral Adquirido.
A pasada fin de semana a un compañeiro do Servizo de Atención Diúrna Terapéutica (SADT) cando se atopaba estacionando nunha praza para persoas con discapacidade achegáronse a el uns axentes da policía local e pedíronlle a tarxeta de estacionamento e el ensinoulla.
Revisárona e preguntáronlle sarcasticamente por que tiña el a tarxeta. A verdade é que parecía que dubidaran que realmente a precisaba. O noso compañeiro explicoulles que tivera un ictus e que quedara cunha serie de secuelas das chamadas invisibles: memoria, atención planificación... Son as que aínda que non se vexan si son moi incapacitantes.
Unha vez feita a explicación os axentes desculpáronse e dixéronlle que aparcara tranquilo. Pero nós non queriamos deixar de manifestar que as secuelas invisibles condicionan tanto a vida como as secuelas físicas e que non hai que darlle nin máis nin menos importancia.
As persoas con DCA somos un colectivo que presentamos secuelas heteroxéneas e moitas veces, cando non se aprecian a simple vista, a comprensión da nosa discapacidade resulta complicada e fai que nos sintamos infravaloradas como se as seuelas invisibles tiveran menos importancia que as físicas ou sensoriais.
Por iso buscamos que isto vaia cambiando e que os prexuízos diminúan e se pode ser que non existan. Desta forma, poderemos construír unha sociedade mellor na que a poboación nos trate como o que somos, unha persoa máis, á que se lle debe respectar.
O segredo dunha vida feliz é o respecto. Respecto por ti mesmo e respecto cara a outros. Ayad Akhtar.
Comentarios
Publicar un comentario