SUPERANDO OBSTÁCULOS

 Boas a tod@s unha semana máis,

Son Diego Marzoa  persoa usuaria do Servizo de Orientación Laboral (SOL) de Sarela. Antes de contar coas habilidades e capacidades necesarias para estar neste servizo fun persoa usuaria do Servizo de Atención Especializada (SAE), onde me axudaron moito para poder estar tanto física como cognitivamentre como estou hoxe. Sempre lles agradecerei a todas as profesionais o traballo que fixeron comigo e por non deixar de acompañarme no proceso da miña mellora.

Antes de nada quero explicar que na actualidade unha das miñas características como persoa é que non me rindo e son moi perseverante, o que me axudou moito na miña recuperación pero tamén no proceso de busca de traballo.

Cando cheguei ao servizo, Noelia, a orientadora laboral, deume unha serie de alternativas de inserción que non me convencían xa que despois do meu Dano Cerebral Adquirido (DCA) non podía exercer do que a min máis me gustaba que era ser cociñeiro.

Teño un incapacidade permanente total, o que no meu caso significa que non podo exercer a miña profesión habitual: cociñeiro. 

Eu pregúntovos: como credes que se sinte alguén ao que lle apaixona o seu traballo e non pode volver a exercelo? Pois sobre todo o que eu sentín foi medo. Que sería de min? Que fago agora? As dúbidas existencias de a que dedicar a miña vida xurdíronme nun momento complicado xa que co DCA as decisións sonche ben complicadas de tomar. 

A miña formación estaba totalmente centrada tamén na cociña e un dos consellos de Noelia foi que me formara unha vez tivera claro que perfil profesional ía escoller. Dubidei moito porque había varios perfiles que me chamaban a atención: teleoperador, operario de montaxe, monitor escolar,  atención ao cliente etc. Realicei algún curso como o de manipulador de alimentos e monitor escolar mais un día...

Cheguei á entrevista como sempre a SOL e Noelia preguntoume: "como se che da o  de estudiar Diego? Eu contestei: "Fatal". No instituto sempre fun a ralentí, non sacaba o curso en xuño e a verdade é que non estudiaba nada."  E ela díxome: como verías sacar unha oposicións para Celador onde o temario está adaptado para persoas con problemas de memoria?". Nesa entrevista non contestei pero na casa penseino e cando volvín quixen saber cantas páxinas tiña ese temario... E finalmente decidín intentalo. Noelia díxome que sacar unha oposición era unha carreira de fondo pero que con esforzo podería logralo. Esta durou dende outubro do 2021 ata o pasado 04 de outubro que me presentei ao exame. 

Estudiaba 5 días á semana 2 ou 3 horas diarias e cando chegaba á sesión con Noelia realizaba simulacros de exame que, teño que dicilo, eran moi difíciles. Nos do SERGAS que tiñamos de exemplo non adoitaba fallar ningunha pero nos que me facía ela 5 ou 6 fallos sempre os tiña. Non mo puxo fácil pero agora podo dicir que foi mellor así xa que despois de facer os exames estou moi orgulloso do resultado. 

Tiven 5 fallos en total na  parte específica que, xunto coa formación, fan un total de 93 puntos que espero sexan suficientes para poder ter unhas das 15 prazas ofertadas. 

Espero dentro duns meses poder volver a escribir como é a miña vida como Celador despois dun dano cerebral. 


Os resultados que consegues estarán en proporción directa ao esforzo que aplicas (Denis Waitley)







Comentarios

Publicacións populares deste blog

"COREANDO" EN SARELA

FACENDO COMUNIDADE

SENTIR A MÚSICA