SEGUIR ADIANTE

Ola a todos e todas de novo. 

Esperamos que tiverades un Nadal marabilloso. Nós retomando folgos para este novo ano o 2025, que é moi especial para a nosa asociación xa que o 19 de decembro fai 25 anos que naceu Sarela, agora Dano Cerebral Santiago de Compostela. Non puidemos celebrar o XX aniversario por mor da pandemia mundial pola COVID-19 co que este ano imos a a tirar a casa pola ventá e tentaremos dar visibilidade ao colectivo do DCA.

Na entrada de hoxe queremos solidarizarnos cunha enfermidade que por desgracia é tamén moi común no noso colectivo, a depresión, que o 13 de xaneiro celebrou o seu día. Ademais consideramos que as persoas que a sofren son estigmatizadas como tamén nos pode suceder a nós.

O DCA implica un cambio de vida radical, o cal non queda máis remedio que asumir, tanto nós como a xente que nos rodea, facendo fincapé na familia máis directa. Como dicimos sempre, o DCA é un tsunami. Isto require moitísimas adaptacións na nosa vida e na da nosa familia. Moitas veces sentímonos mal  por non ser quen de facer cousas que antes podiamos facer o que provoca a sobrecarga de quen nos coida. Ser conscientes de que non volveremos a ser mesma persoa, e que somos dependentes, pode chegar a provocar que caiamos en depresión e en sentimentos de frustración.

Nós, como colectivo do DCA, sabemos este que tsunami podería levarse mellor se:

- Hai un trato máis humano nos recursos públicos: hospitais, centros de saúde, administración, etc.

- Compartimos as nosas vivencias con xente que pasou polo mesmo. 

- Temos máis información sobre os recursos para persoas con discapacidade en xeral e con DCA en particular.

- Eliminamos barreiras arquitectónicas e cognitivas.

- Favorecemos que todas as persoas puideran utilizar o transporte público.

- Etc.

Todo isto faría que a  nosa vida fora un pouco máis digna e se podería evitar moita preocupación e ansiedade tanto en nós como na nosa familia e amigos.

 A Organización Mundial da  Saúde define a saúde como un estado de completo benestar físico, mental e social, e non soamente a ausencia de afeccións ou enfermidades, polo que coidar o noso benestar emocional é moi importante.

Na nosa entidade témolo moi  claro e contamos con catro psicólogas que nos axudan cada día a atoparnos mellor emocionalmente.

Grazas as catro, Rocío, Nerea, Ana e Sonia, e en especial a esta última porque é a que en SADT está pendente de nosa saúde mental xunto co resto de profesionais. 



"A depresión e a ansiedade son como unha tormenta interna que só ti podes ver pero ás veces compartila faina máis doado de levar".




Comentarios

Publicacións populares deste blog

NOVOS PROXECTOS

"COREANDO" EN SARELA

SEGUIMOS CRECENDO