SUPERANDO BARREIRAS
Ola a todas e todos!
Xa estamos de volta despois do verán coas pilas cargadas. Esperamos que pasarades unhas boas vacacións.
Desta volta queriamos contar que o pasado venres 6 unha persoa usuaria do Servizo de Mellora e Mantemento da Autonomía Persoal e Inclusión Social (MAPIS) recibiu un premio do seu concello, Boiro, á superación persoal.
A continuación facemos un resumo do acontecido e dos demais premiados e premiadas:
O acto celebrouse no Pazo de Goiáns (Boiro) e son uns galardóns que teñen como finalidade recoñecer e promover a labor social e de voluntariado de entidades, persoas e empresas no municipio.
O acto, presentado por Miryam, Martín, Tiziano, Ana e Irimia, do grupo Turbina, que durante o ano leva a cabo diversas actividades e accións de voluntariado, comezou coa proxección dun vídeo que pon en valor a rede de benestar de Boiro.
Os presentadores do acto entregaron o distintivo á "Superación e ao Exemplo" ao noso compañeiro o ciclista Carlos Mora Eiras en recoñecemento á súa capacidade de superación e de exemplo para a sociedade, demostrando que non existen barreiras. Carlos estivo acompañdo en todo momento cunha compañeira do servizo de MAPIS e sentiuse moi orgulloso de recibir este distintivo.
Outros recoñecementos
O edil de Servizos Sociais, Raúl Treus, entregou o distintivo na categoría de "Inclusión" á Federación Galega de Persoas Xordas.
A deputada de Servizos Sociais da Deputación da Coruña, Mar García, fixo entrega a Adriana Miguéns e Digna Iglesias do premio á Asociación Amicos en recoñecemento aos anos de traballo no eido da discapacidade e á súa gran aposta pola concienciación ambiental.
O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, fixo entrega do distintivo na categoría "Entidade Empresarial" a Elisabeth Caballero, avogada que presta servizo xurídico a familias e estranxeiros e asidua colaboradora con entidades sociais.
O distintivo na categoría "Méritos Extraordinarios", que busca dar visibilidade ao traballo constante que persoas e entidades realizan de forma desinteresada en beneficio da sociedade, correspondeu ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. O seu tesoureiro, José Manuel Alfonso, recibiu o premio da man de Jaime Bello, técnico municipal.
"Os obstáculos son o coste da grandeza", Robin Sharma
Comentarios
Publicar un comentario