MOVÉNDONOS POLO NOSO ENTORNO
Recentemente o Concello de Santiago organizou un proceso aberto á cidadanía para elaborar o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) de Santiago. Algunhas das persoas usuarias de SADT e de MAPIS participamos nunha desas xornadas e raíz da mesma queremos facer unha reflexión sobre as problemáticas do transporte público e se realmente está “adaptado” ás necesidades de todas as persoas.
Os problemas máis destacados que vemos son:
- Información pouco adaptada desde o punto de vista cognitivo. Pode haber xente que non poida entender ou ler os letreiros. Solución: colocar pictogramas para que sexa máis accesible cognitivamente. Tamén que a información sexa auditiva para que as persoas cegas tamén poidan recibir a información.
- Perigo de caída cando entras no bus. Non se espera a que as persoas se senten e non se respectan as prioridades dos asentos. Solución: a posible modificación dos carteis para os asentos reservados, máis destacados para que a xente os respecte e non se senten ocupando os asentos que non lle corresponden. Que os condutores saiban os problemas que poden causar se non esperan a arrincan cando a persoa non estea sentada.
- Os buses non están realmente adaptados e moitas veces as ramplas non funcionan e as portas son estreitas. Solución: que se constrúan só autobuses inclusivos nos que tódalas persoas poidan montarse.
- Onde hai marquesiñas a xente deixa os vehículos particulares estacionados dificultando así poder usalas sobre todo se tes cadeira de rodas. As beirarrúas ás veces tampouco están adaptadas e non teñen rebaixe. Solución: sensibilización á cidadanía para que non deixen os coches nas marquesiñas e construción de ramplas en tódalas beirarrúas para facilitar o acceso con cadeira de rodas ou carriños de bebés.
- Non é fácil pagar a viaxe, xa que para unha persoa en cadeira de rodas co bus ateigado non lle resulta doado poder ir pagar . Solución: ter máis accesible o pagamento de tíckets ou o prepago nas paradas, por exemplo.
- Reivindicamos ademais que todos os buses estean adaptados, que todos os trens conten con vagóns adaptados e que non sexa necesario solicitar o asistente ao pasaxeiro con moita antelación.
- Non esquecerse de que aumenten os números de taxis adaptados nas cidades e vilas.
Oxalá se nos escoite. Únete ás nosas protestas. Comenta o que che pareza.
"Para cada problema , hai a máis sinxela solución". Aghata Christie
Comentarios
Publicar un comentario