VOLVER A SER

As estanterías do stock



O primeiro de todo queremos presentarnos. Somos Vicente , Jesús e Anxo.  Unha das poucas cousas que temos en común é que os tres temos un  Dano Cerebral Adquirido (DCA). Polo demais, a verdade é que somos moi diferentes pero coincidimos na importancia de traballar para sentirnos ben e sentirnos parte da sociedade.

Despois de que tes un DCA, a inseguridade sobre o que vai a pasar é algo común e neses momentos non te propós "volver a traballar". O que queres é volver a andar, volver a ter equilibrio, planificar, controlar as emocións etc. 

Unha vez que vai pasando o tempo vas necesitando máis e non nos referimos unicamente a un tema económico, que tamén, xa que as facturas hai que pagalas, senón que precisamos  dar un paso máis  nese proceso de rehabilitación.

Os tres chegamos a Sarela por diferentes vías. Algúns estivemos noutros servizos antes de acabar no Servizo de Orientación Laboral (SOL) da entidade. Alí o que buscabamos era poder atopar un traballo para volver a sentirnos útiles e formar  parte da sociedade.

O proceso non é fácil porque te atopas con moitos obstáculos. Moitas veces veñen da sociedade (traballos precarios, incomprensión...) e outras de nós mesmos (vitimismo, baixa autoestima...) pero coincidimos en que mereceu a pena esta andadura e que aínda continúa.
 
Agora coñecémonos máis e somos conscientes das nosas limitacións pero, e iso é o máis importante, tamén das nosas capacidades. Sabemos que é importante saber facer un bo currículum vítae, unha carta de presentación e que debemos seguir unha serie de pautas para facer unha boa entrevista. Pero o máis importante que aprendemos é a confiar en nos mesmos.

Traballamos nun Centro Especial de Emprego no que nos atopamos a gusto. O noso traballo consiste en facer paquetes para posteriormente poñer á venta nun supermercado. Ademais temos que ter organizado o almacén e o noso lugar de traballo. Contamos cunha persoa na Unidade de Apoio que nos guía no noso día a día pero algo que nos gusta é a autonomía que temos para desenvolver o noso traballo. 

Sabemos tamén que dende SOL (o Servizo de Orientación Laboral de Sarela) están ahí para axudarnos e acompañarnos neste proceso de inserción laboral. Animamos a toda a xente que ten un DCA, e que se sinta con gañas de buscar un emprego, que se anime e que o faga porque sempre hai que intentar loitar polas cousas que queremos.

Neste vídeo podedes ver algunhas das nosas tarefas.


"É totalmente certo que podes ter éxito con maior rapidez se axudas a outras persoas a ter éxito" (Napolean Hill)








Comentarios

Publicacións populares deste blog

"COREANDO" EN SARELA

FACENDO COMUNIDADE

SENTIR A MÚSICA