ENGLISH GRADUATION

Ola a todos e todas!

Como estades? Esperamos que moi ben. Xa se achega o verán e con el  o remate de moitas actividades. Nós hoxe queremos explicar unha desas actividades que realizamos no Servizo de atención diúrna terapéutica (SADT) e coa que estamos encantadas e encantados. A sesión que imos contar foi, ademais, especial.

O día 3 de maio, como cada venres, algunhas persoas do SADT asistimos á actividade que se chama  "English Coffee" e na que praticamos os nosos coñecementos de inglés e, por suposto, aprendemos outros novos. Levamos facendo esta actividade varios anos pero desde o pasado temos unha voluntaria encantadora que se chama Marta e que lle deu á actividade un troco que a todas e todos nos encanta.

Ese venres, o primeiro que nos sorprendeu foi que cambiamos de espazo. Normalmente “tomamos” o “english coffee” nalgunha das salas do noso servizo mais ese día fomos ao primeiro andar, onde esta a sala de formación de Sarela. Ao subir, tivemos que esperar un pouco e despois entramos. A sala estaba decorada dun xeito especial e alí tiñamos as cadeiras dispostas para sentarnos.

Alí estaba Marta, que nos saudou e leunos un discurso no que nos agradeceu todo o noso  esforzo durante este ano e nos dixo que estamos realizando un bo traballo. Sentímonos moi ben e animounos a seguir adiante con esa actitude e gañas. A verdade é que nos sentimos moi orgullosos/as de nós mesmos/as.

Despois do discurso agasallounos cun título que certificaba un ano de English Coffee, unhas bandas e unha chapa que tiña unha característica de cada un. Para que vos fagades unha idea a un de nós dounos: sociable, goofy e creative. Para recibir estes agasallos, Marta chamounos un por un como se dunha auténtica graduación se tratara. Terminamos esta marabillosa tarde  desfrutando da música en inglés, ao mesmo tempo que Marta nos entregaba o agasallo a cada un e unha de nós. Incluso tivemos tempo para bailar.

Todas as persoas que participamos queremos agradecer a Marta o seu labor como persoa voluntaria e por facernos sentir que valemos moito e que podemos aprender inglés e todo o que nos propoñamos. 

                                                          

A seguir adiante.

Good bye!   

 José Ángel, Antonio B, Victorino, Cebro, Marian, Manuel L, Eva G, Carlos.



"Nunca deixes de aprender, porque a vida nunca deixa de ensinar"




Comentarios

Publicacións populares deste blog

"COREANDO" EN SARELA

SENTIR A MÚSICA

REHABILITANDO