PASIÑO A PASIÑO IMOS FACENDO CAMIÑO

Ola a todas as persoas que ledes esta bitácora. Chámome Juan Ramón Queiro, Moncho para os amigos, e quería aproveitar este espazo para escribir unha reflexión sobre como é a miña vida desde que teño dano cerebral adquirido. 

En febreiro do ano 2022 tiven dous ictus:  o primeiro isquémico e aos 9 días o segundo, que foi  hemorráxico. Como consecuencia teño unhas secuelas que comprometen a miña autonomía: unha hemiplexía esquerda (secuela física) e perdas de memoria e déficit de atención (secuelas cognitivas) e problemas de visión (secuelas sensoriais).

A miña rehabilitación nun primeiro momento foi complicada. Pasei catro meses no hospital xa que antes do ictus xa levaba encamado un mes por unha infección lumbar. Para min todo foi moi lento, o que provocou que me frustrara porque os avances ían moi pouco a pouco. Despois dun ano as cousas foron cambiando e agora sinto que vou mellorando a miña autonomía.

Despois de dous anos con dano cerebral teño que dicir que son moitos os cambios que sufrín no meu día a día. Os malos xa todos os sabemos e voume centrar nos bos. Por exemplo, desfrutar do tempo coa miña familia e amigos é algo que aprecio moito e que agora podo facer e antes non. O feito de comer con ela todos os días éncheme de felicidade e é algo que non podía facer polo meu traballo. 

Outro hábito que adquirín desde o DCA, e que considero positivo, foi a vida máis saudable que levo: fago máis exercicio e salgo a pasear sempre que podo. Agora desfruto de pequenos detalles como poder sentarme despois deste paseo nunha terraza con boa compaña. Outra das cousas das que desfruto moito, e antes non tiña tempo, é recuperar as miñas afeccións: ver películas, escoitar música dos meus grupos favoritos etc.

En definitiva, teño máis tempo para facer cousas que me fan realmente feliz. No meu día día, entre semana realizo aínda moitas actividades relacionadas coa miña rehabilitación e fomento da autonomía persoal. Os luns e xoves acudo a Sarela ao servizo de MAPIS. Os martes vou ao optometrista a rehabilitación visual e os mércores e venres realizo rehabilitación física. As fins de semana intento desfrutar máis da familia e dos amigos e amigas que viven máis lonxe.

En canto á recuperación de capacidades, os avances conseguidos ata agora son moitos e moi importantes para min. A día de hoxe podo ler sen dificultade, manexo o ordenador, fago a compra online e trámites administrativos como solicitar becas. En canto á parte física, dentro do domicilio xa podo andar sen apoio a cada día son máis autónomo no meu aseo persoal. 

Gustaríame conseguir aínda maior autonomía e poder realizar desprazamentos fora do domicilio sen ter que ir acompañado por medo a caerme. Sei que o vou conseguir e niso traballo cada día ."


"A próxima vez que caigas, recorda que sempre podes volver a levantarte e seguir adiante"


Comentarios

Publicacións populares deste blog

"COREANDO" EN SARELA

FACENDO COMUNIDADE

SENTIR A MÚSICA