A INFORMACIÓN É PODER
Quero que entendades un pouco a razón de acudir a Sarela. Eu tiven un accidente de bicicleta e como consecuencia do Traumatismo Cranioencefálico (TCE) teño un Dano Cererbal Adquirido (DCA).
A miña intención despois da alta hospitalaria, e de que ninguén me falara deste recurso, era levar unha vida normal, o máis autónoma posible, mais dinme conta de que había cousas que non funcionaban e que non ian como deberían ir.
Por exemplo, a miña memoria. Fallaba e moitas cousas que facía ou que pasaban non me lembraba sen axuda. Para poder recordar precisaba de pistas. Ademais nas tarefas da casa se Elena, a miña muller, non mas recordaba quedaban sen facer.
Outras das cousas que notaba é que tiña moita impulsividade o que provocaba situacións complicadas na convivencia e no meu día a día.
Vendo que eu aínda podía mellorar, Elena propúxome probar en Sarela e decidimos ir para que na asociación nos axudaran a ter unha mellor recuperación e poder volver a unha certa normalidade, a unha vida máis autónoma e completa.
Despois de ter una primeira entrevista
con dirección e coa coordinadora do servizo
decidiron que o que eu precisabe era acudir a sesións de Terapia Ocupacional e Neuropicoloxía.
Traballei coa neuropsicóloga diferentes estratexias para mellorar a miña memoria e ademais tamén me axudou a planificar e a organizar mellor as miñas tarefas diarias. Despois continuamos coa organización semanal. Elaboramos un calendario no que tiña que ir marcando as cousas feitas e as que non se puideron facer por algún imprevisto que apareceu. Ademais aprendín a clasificar eses imprevistos por categorías: urxente, imprescindible, aprazable. Unha vez que esas cousas foron mellorando comezamos a traballar a impulsividade. Fun mellorando con diferentes pautas que se me proporcionaron e que me axudaron a controlala.
Eu podo dicir que teño unha VIDA mellor.
Quería reividicar a necesidade
de que no Hospital dean información sobre diferentes recursos para persoas con
DCA, entre os que se atopa Sarela. Nesta asociación sen ánimo de lucro o equipo de profesionais está especializado no DCA e axudan, e moito, ás persoas
con DCA da área Sanitaria de Santiago de Compostela.
Se algunha traballadora social, médico ou enfermeira len isto pediríalles que se informen ben sobre que é Sarela e como traballa para que poidan comunicar a persoas na miña situación a importancia de seguir co proceso de rehabilitación unha vez nos dan a alta hospitalaria.
MOITAS GRAZAS SARELA. Sen vós isto non podería ser igual.
Unha vida salvada
merece ser vivida con dignidade.
Comentarios
Publicar un comentario