Baixo o mesmo paraugas
Ola de novo,
Témosvos abandonados/as pero aínda coa resaca emocional de celebrar o Día do Dano Cerebral tivemos que preparar a conmemoración do Día da Discapacidade que se celebrou o 3 decembro.
Desde fai uns anos participamos na iniciativa "Baixo o mesmo paraugas", que ten como filosofía que todas as persoas temos cabida no mundo sen importar a nosa condición.
Este ano un grupo de persoas usuarias de SADT e de MAPIS fomos ata A Coruña á lectura do manifesto nun acto onde reivindicamos os nosos dereitos e loitamos por mellores recoñecementos para as persoas con discapacidade. O que queremos é que isto non se quede nun acto simbólico, queremos xuntar a forza necesaria para conseguir os nosos obxectivos. Querenmos que non quede nun día e comprometémonos a facelo tódolos días do ano. Temos dereito a dispor das mesmas oportunidades xa que somos iguais ante a lei e así o di a nosa Constitución.
O Día da Discapacidade é importante, e non só para nós, senón para todas as
persoas que sufrirán un dano semellante ao noso. Ademais, os logros para facer
a vida máis accesible ás persoas con dano cerebral facilitan tamén o día a día
ás persoas que non sofren este dano.
Por outra banda, desde aquí queremos resaltar esa maldita
palabra, “minusválido”, que significa “menos válido”; nós somos tan válidos e
válidas coma calquera persoa sen dano cerebral. Non nos cremos superiores, mais
tampoco somos inferiores a ninguén.
Desde Dano Cerebral Santiago de Compostela facemos saber a calquera que precise información que pode acudir á nosa asociación a buscala.
Comentarios
Publicar un comentario